• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Conclúe a execución do proxecto de instalación do sistema de produción de enerxía fotovoltaica na cuberta do pavillón Municipal da Laracha

06/12/2025

Logos

O Concello vén de completar a instalación dun novo sistema de produción de enerxía fotovoltaica, un proxecto que reforza o compromiso municipal coa eficiencia enerxética e coa implantación de modelos máis sostibles nas instalacións públicas. A actuación permitirá abastecer diferentes edificios municipais mediante a modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes.

O proxecto consistiu na colocación de paneis solares cunha potencia total de 99 kW na cuberta do pavillón polideportivo municipal, emprazamento seleccionado por ser o máis axeitado en termos de orientación, pendente e impacto visual reducido. Esta localización garante un óptimo aproveitamento da radiación solar e maximiza o rendemento da instalación.

O sistema fotovoltaico adaptarase de maneira idónea aos patróns de consumo dos edificios municipais, concentrados maioritariamente nas horas de maior produción. Ofrecerá subministro eléctrico á Casa do Concello, Edificio Interxeracional, Edificio Administrativo, biblioteca da Laracha, escola infantil “A Galiña Azul” e Casa da Cultura.

Segundo os estudos realizados, a posta en marcha deste equipamento permitirá alcanzar un autoconsumo do 56,7 %, reducindo a máis da metade tanto as emisións de CO₂ como o gasto eléctrico das instalacións conectadas. Trátase dun avance significativo cara a un modelo municipal máis respectuoso co medio ambiente e cun uso responsable dos recursos públicos.

O investimento total ascende a 119.500 euros, cofinanciados entre o Concello e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) a través da convocatoria de axudas para programas vinculados ao autoconsumo eléctrico e ao almacenamento no sector público, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo. A achega do Inega ascende a 86.625 euros, mentres que o resto do investimento é asumido con fondos municipais.

Co impulso deste proxecto, o Concello reafirma a súa aposta decidida polas enerxías renovables e pola mellora continua da sustentabilidade nas instalacións públicas, avanzando cara a un municipio máis eficiente, verde e comprometido coa loita contra o cambio climático.