O PECHE DO EXERCICIO ECONÓMICO 2015 DEIXA UN REMANENTE DE TESOURERÍA SUPERIOR AOS 1,5 MILLÓNS DE EUROS
11/04/2016
A excelente situación económico-financeira do Concello da Laracha vólvese poñer de manifesto cos datos oficiais do balance da liquidación do exercicio 2015, que evidencian a boa xestión dos recursos dispoñibles por parte do goberno local ao longo do curso pasado, o que non deixa de ser unha continuidade das políticas municipais desenvolvidas en anteriores anualidades. Seguindo os trámites legais, o goberno local dará conta do contido do informe á Corporación no próximo Pleno.
O orzamento do ano 2015 (aprobado en decembro de 2014) estaba inicialmente equilibrado en gastos e ingresos e ascendía aos 7.053.486,67 euros para ambas magnitudes. Ao peche do exercicio as contas reflicten que os ingresos aumentaron en torno ao dezanove por cento (ata os 8.387.387,59 euros) e os gastos, un punto porcentual por debaixo (incrementáronse ata os 8.302.159, 19 euros). Esta situación indica a prudencia e cautela do goberno local no momento de realizar a previsión de gastos e ingresos.
Como datos relevantes no apartado de gastos pódense resaltar o esforzo na mellora nas infraestruturas de titularidade municipal (2.460.291,63 euros de investimentos reais), a decidida aposta pola cobertura en servizos sociais, tanto en programas específicos como de instalacións públicas (830.335,94 euros), o apoio ao asociacionismo (141.500 euros para entidades culturais e educativas, clubs deportivos e comisións de festas) e a colaboración cos estudantes e as súas familias a través das bolsas municipais (55.000 euros).
No que atinxe aos ingresos, o incremento rexistrado ten a súa principal explicación na participación en programas convocados por outras administracións, xa que non se rexistrou ningún tipo de subida nas taxas nin tributos municipais, sendo a conxelación de impostos un dos compromisos cumpridos coa cidadanía por parte do goberno local.
Por outra parte, as contas tamén arroxan un remanente líquido de tesourería que ascende a 1.529.635,67 euros e o resultado orzamentario (magnitude que reflicte a diferenza entre os dereitos e as obrigas recoñecidas) que se sitúa en 1.019.372,98 euros en positivo.
Por último salientar que no exercicio do ano pasado a débeda viva municipal coas entidades bancarias foi cancelada por completo, unha circunstancia que xa supuxo nos presupostos deste ano 2016 non ter que destinar cantidade algunha ao pagamento de amortizacións de débeda nin de intereses dos créditos, polo que foi posible reforzar outras partidas orzamentarias dotándoas con máis recursos económicos.
O goberno local expresa o seu orgullo por presentar unhas contas plenamente saneadas. Tal e como sucedeu en anteriores anualidades, o Concello da Laracha mantivo unha ampla oferta en instalacións (deportivas, culturais, sociais e educativas), cobertura en servizos sociais, realizou investimentos en infraestruturas tanto nos núcleos urbanos como nas parroquias, aboou en prazo as facturas aos provedores e renovou o apoio económico ás entidades, familias e aos estudantes, todo iso cancelando por completo a débeda viva, sen incrementar os tributos e as taxas municipais e sen alienar bens.