• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Conclúe a execución do proxecto de mellora das infraestruturas viarias do parque empresarial

19/11/2025

O parque empresarial da Laracha xa conta cun pavimento renovado polo seu acceso principal que conecta a área industrial tanto coa estrada AC-552 como coa autoestrada AG-55.

Cos traballos pintado das marcas viarias concluíron as obras que supuxeron un investimento de 145.000 euros, cofinanciados polo Concello e pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á rehabilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais.

O proxecto afectou a unha distancia lineal duns 800 metros de estrada entre os catro puntos de actuación diferenciados: un entre as glorietas da AC-552 e a do acceso principal ao parque empresarial; outro no sector que discorre fronte ao viveiro de empresas; e os dous últimos son a propia rotonda que está a continuación e o seguinte tramo de vía en dirección Lendo e por diante da siderurxia.

As obras consistiron no fresado para a posterior renovación, con aglomerado asfáltico en quente, do firme que se atopaba deteriorado ao soportar continuamente a circulación cara a zona industrial de vehículos de alta tonelaxe e maquinaria pesada. Tamén foi mellorada a rede de recollida de pluviais e reforzada a sinalización horizontal e vertical.

Trala execución deste proxecto o acceso cara o parque empresarial da Laracha é máis cómodo e seguro para o tránsito rodado.