• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello proxectará o sábado na Casa da Cultura o documental “Os oficios tradicionais”

19/11/2025

O documental Os Oficios Tradicionais será proxectado este sábado ás 18:30 horas na Casa da Cultura da Laracha, con entrada libre e gratuíta para todos os públicos. Farase por segunda vez despois do éxito participativo na presentación realizada en outubro en Caión.

Trátase dunha iniciativa do Concello, posta en marcha dentro do programa A Memoria da Laracha, que ten por dobre obxectivo a prevención da soidade non desexada entre o colectivo das persoas maiores e recuperar os recordos, historias e tamén material gráfico e documentos de interese para a súa posta en valor como elementos destacados do patrimonio cultural do municipio.

Os oficios tradicionais foi producido polo escritor e documentalista arteixán Xabier Maceiras e o realizador audiovisual larachés Raúl Lorenzo. É o froito dos encontros realizados nas parroquias de Golmar, Caión, Soandres e Montemaior, nos que veciños e veciñas colaboraron achegando información, documentos e imaxes sobre os oficios tradicionais, ademais de relatos sobre lendas e medicina popular que quedaron recollidos para futuros traballos.

O Concello lembra tamén que aquelas persoas que poidan aportar novos datos, historias, material, etc. sobre medicina, lendas ou calquera outro tema que consideren de interese, poden facelo a través do Departamento de Servizos Sociais, chamando ao 981 612 811 ou enviando un correo a servizos.sociais@alaracha.es. Poderán ser empregados en futuros documentais, proceso no que tamén se realizarían novos encontros coa cidadanía noutras parroquias.

O programa A Memoria da Laracha conta coa colaboración e financiamento da Deputación da Coruña.