Concello
O Concello adxudica 75.000 euros en axudas municipais á escolarización
05/11/2025
Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar as axudas municipais á escolarización a proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas avaliou e cualificou a totalidade das solicitudes presentadas.
A lista de bolseiros está dispoñible para a súa consulta no apartado de "Últimos Avisos" desta web municipal, onde tamén pode descargarse o documento para xustificar a axuda. O prazo para facelo remata o 30 de novembro.
A convocatoria deste ano está dotada cun total 75.000 euros que o Concello destina a cooperar cos 357 beneficiarios e as súas familias ante os gastos que implica o inicio do curso escolar. A contía das axudas é de 165 euros (59 bolsas) para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros (168) para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros (60) para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros (35 becas) para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros (35) para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster).
Estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.
Solicitudes de subvención
A Xunta de Goberno Local autorizou a concorrencia do Concello da Laracha a tres programas de subvencións da Deputación da Coruña relacionados coa promoción do emprego mediante a contratación de persoal para servizos de competencia municipal.
A través do programa PEL Concellos preténdese crear unha cuadrilla de obras e servizos por un período de cinco meses formada por sete efectivos: catro peóns, un capataz e dúas persoas para servizos xerais. Ao abeiro da convocatoria dirixida á contratación de persoal para a limpeza de praias marítimas, o Concello presenta unha proposta para a incorporación de seis traballadores que prestarían servizo durante tres meses no areal de Caión. E tamén concorre o Concello á convocatoria de axudas para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo durante o ano 2026.
Licencia urbanística
Na sesión foi concedida a licenza urbanística para a rehabilitación dunha vivenda particular situada no núcleo urbano da Laracha.

