O Concello da Laracha impulsa un novo proxecto de concienciación ambiental co apoio do Galp Costa da Morte
04/07/2025
O Concello da Laracha e o GALP Costa da Morte impulsan un novo proxecto ambiental en Caión. Despois das excelentes experiencias de anos anteriores, a través da que se levaron a cabo actividades de educación ambiental e iniciativas para embelecer, agora preténdese sensibilizar á poboación sobre o impacto dos residuos plásticos no medio mariño e costeiro e promover accións individuais e colectivas para reducir o seu uso.
Mar de Caión e o Plástico: Reflexións dende a Praia presenta un orzamento total de 24.333 euros e vaise desenvolver en dúas anualidades, entre 2025 e 2026. Inclúe a creación dunha pasarela na praia das Salseiras feita con plástico reciclado, elemento que permitirá mellorar a accesibilidade e, ao mesmo tempo, darlle unha segunda vida útil a ese material. A previsión é tela instalada antes de que remate este verán.
Xa no ano próximo vanse deseñar e elaborar catro paneis informativos, tamén en plástico reciclado, cos que se pretende crear espazos de reflexión sobre os efectos da contaminación por plásticos, as súas repercusións ambientais e as alternativas dispoñibles para mitigala.
Ademais, desenvolveranse tres actividades de educación ambiental dirixidas a distintos públicos —infantil, xuvenil e adulto— co obxectivo de fomentar a aprendizaxe práctica e o compromiso persoal coa conservación do litoral.
Esta actuación, enmarcada nas prioridades do FEMPA, contribuirá á promoción dunha economía azul sostible e ao fortalecemento das comunidades costeiras e pesqueiras.
O Concello da Laracha expresa o seu agradecemento ao GALP Costa da Morte pola colaboración e apoio neste proxecto e noutros anteriores, que reforzan o compromiso común coa protección do medio mariño e co desenvolvemento sostible da Costa da Morte en xeral e da vila de Caión en particular.

