• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CONCELLO REALIZA O ACONDICIONAMENTO DA PRAIA E PASEO MARÍTIMO DE CAIÓN DE CARA Á SEMANA SANTA

07/04/2017

O Concello da Laracha está a levar a cabo os labores oportunos dirixidos á posta a punto tanto do paseo marítimo de Caión como da praia e os seus espazos complementarios para que o areal e o seu entorno estea en óptimas condicións de cara á Semana Santa.

Ao longo de todo o percorrido do paseo marítimo estase a realizar unha ampla actuación dirixida a renovar o mobiliario urbano, cunha atención especial á mellora dos bancos, traballos que iniciara o módulo de carpintería de madeira do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego III que finalizou a mediados de marzo. Os 23 bancos que presentaban un peor estado de conservación foron substituídos por outros novos. Os restantes están a ser obxecto dunha actuación de mantemento que inclúe a reparación das táboas danas, o pintado e a aplicación dun tratamento de conservación da madeira.

En canto á praia, acometeuse en toda a súa superficie unha limpeza integral para retirar o lixo e os restos vexetais que se foron depositando nos últimos meses. Os labores completáronse coa nivelación de area en determinados puntos que así o requirían. Por último, salientar que foi acondicionado o entorno da praia e os seus espazos de servizos complementarios, como son os aparcadoiros públicos, o merendeiro e a área de descanso. Tamén se realizaron os oportunos traballos de mantementos nos aseos públicos (un deles estará aberto desde mañá) e nas duchas. 

Ante a previsión de boas condicións climatolóxicas para os próximos días, desde o goberno municipal considérase que ofrecer aos usuarios da praia un areal en boas condicións de hixiene e salubridade, cómodos accesos e alta calidade de servizos no seu entorno, ademais de beneficiar aos veciños do municipio en xeral será, tamén, un importante incentivo para atraer turistas e visitantes durante a Semana Santa, posibilitando reforzar a actividade económica na localidade, especialmente no sector da hostalería.