Concello
A MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DO VALLE DEL JERTE E O CONCELLO DA LARACHA ESTREITAN OS SEUS LAZOS DE AMIZADE
05/04/2017
Unha trintena de laracheses están a participar nesta semana na excursión á Sierra de Francia (Castela e León) e ao Valle del Jerte (Extremadura) dirixida a persoas xubiladas e pensionistas maiores de sesenta anos de idade que é organizada polo Concello. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, forman parte da expedición.
O programa completo da viaxe, que rematará o venres, inclúe percorridos polas localidades de Salamanca, La Alberca, Ciudad Rodrigo, Mogarraz, Peña de Francia, Las Hurdes, Miranda del Castañar e varios puntos do Valle del Jerte.
O motivo de ter escollido este destino foi o protocolo de colaboración asinado no ano pasado entre o Concello da Laracha e a Mancomunidade de municipios del Valle del Jerte despois de que unha representación desta entidade asistise por primeira vez á Feira das Cereixas de Paiosaco, festa de Galicia de interese turístico. Nese documento establecíase o compromiso de cooperar para fortalecer as relacións turísticas, sociais e culturais inspiradas na produción, posta en valor e comercialización das cereixas como elemento común e integrador. A excursión que se está a desenvolver é a primeira iniciativa e, a continuación, está previsto levar a cabo propostas dirixidas a outros colectivos.
Con motivo desta viaxe, o presidente da citada entidade, Ernesto Agudiez -que tamén é alcalde do municipio de Piornal (Cáceres), recibiu de xeito oficial á expedición larachesa na sede da Mancomunidade. A continuación, acompañounos á localidade de Cabezuela del Valle, onde puideron coñecer os fermosos campos de cerdeiras no momento da súa floración. Rematouse o encontro cunha visita –guiada por un técnico- á planta de envasado de cereixas máis importante da zona, propiedade da Agrupación de Cooperativas del Valle del Jerte, onde se prepara a maior parte deste produto para distribuílo por toda España e outros vinte países. Agárdase que en poucas datas, unha vez se inicie a época de recollida do froito, traballarán nesta planta 1.300 empregados.
José Manuel López Varela mostrouse agradecido coa hospitalidade de Ernesto Agudiez e do resto de representantes da Mancomunidade. Ademais de convidarlles a asistir á Feira das Cereixas de Paiosaco do vindeiro día 2 de xullo, tamén acordaron retomar as conversas dirixidas a concretar os protocolos de colaboración e as propostas a levar a cabo para fortalecer os lazos de amizade, un procedemento no que participarán os diferentes gobernos locais dos municipios da Mancomunidade do Valle del Jerte e do Concello da Laracha, así como os técnicos de turismo de ambas localidades.