Concello
O CONCELLO PRESENTA Á XUNTA DE GALICIA UN NOVO PROXECTO DE OBRADOIRO DE EMPREGO CONXUNTAMENTE CON ARTEIXO
30/03/2017
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, o Concello da Laracha acordou presentar, conxuntamente con Arteixo, un novo proxecto á Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro da convocatoria das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia. Previamente o municipio veciño xa acordara encomendar ao Concello da Laracha a xestión das actuacións necesarias para levar a cabo todos os trámites inherentes á subvención.
Tralas excelentes experiencias anteriores, agora o proxecto inicial elaborado polos dous municipios está valorado en 433.000 euros e propón a posta en marcha de dúas especialidades (traballos de carpintería e moble e actividades auxiliares de conservación e mellora dos montes) con dez persoas en cada unha delas máis os docentes e o equipo directivo.
As actuacións que se pretenden levar a cabo por medio destes obradoiros no Concello da Laracha son a renovación do paseo fluvial do río Vilán en Cabovilaño e o acondicionamento e dotación do mobiliario ás tres plantas superiores do novo edificio administrativo. En Arteixo as obras a levar a cabo centraríanse no parque de Monticaño.
Por outra banda, tamén se acordou na Xunta de Goberno Local presentar á Consellería de Política Social o proxecto anual para participar no programa de servizos sociais comunitarios municipais da Xunta de Galicia.
O orzamento total sitúase en 1.161.403,11 euros, dos cales o Concello da Laracha asumiría con fondos propios municipais o 72,26%, pretendendo financiar a cantidade restante (322.157,86 euros) grazas a esta liña de axudas autonómicas que incluirían parte dos gastos derivados do persoal adscrito ao departamento de servizos sociais e tamén da prestación do servizo de axuda no fogar ás persoas valoradas como dependentes.
Os servizos sociais son prioritarios na axenda do goberno local. A este departamento, segundo se reflicte nos orzamentos para o exercicio económico 2017, destinaranse un de cada oito euros que ingresen as arcas municipais ao longo do ano en curso.
Salientar, tamén, a adxudicación do contrato da obra de renovación da praza Eduardo Vila Fano de Caión é empresa Oviga, Obras y Viales de Galicia, S.L. por un importe total de 123.420 euros. O ámbito de actuación é de 1.917 metros cadrados de superficie e contémplase a completa renovación do pavimento coa colocación dun novo de pedra en toda a praza e na baixada ao porto. Ademais, realizaranse melloras na iluminación pública que resaltarán a importancia deste punto céntrico da vila, así como dos edificios históricos alí situados: a Igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro e o pazo dos Condes de Graxal.
Precisamente hoxe foi asinado o contrato da obra de renovación da Praza do Concello, actuación que executará Innova Profesional Desarrollos, S.L.U. As actuacións, nas que se investirán 70.000 euros, comezarán a desenvolverse despois da Semana Santa. No financiamento da renovación de ambas prazas o Concello da Laracha conta coa colaboración económica da Deputación Provincial da Coruña.