• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello promove dous proxectos dirixidos a mellorar as redes municipais de saneamento e abastecemento

03/08/2025

O Concello continúa actuando na mellora das infraestruturas básicas municipais coa próxima licitación de dous novos proxectos que sumarán un investimento aproximado total de 98.000 euros e que cofinanciará Augas de Galicia. Estas intervencións permitirán dar resposta a necesidades detectadas tanto na rede de saneamento como na de abastecemento, contribuíndo a mellorar a xestión do ciclo da auga e, por tanto, a calidade de vida da veciñanza e a protección do medio ambiente.

Un dos proxectos ten por finalidade a mellora dos colectores principais de saneamento que recollen as augas residuais dos núcleos urbanos da Laracha e de Paiosaco. Para evitar posible rebordes na confluencia entre ambos que poderían provocar verquidos antes da chegada á estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Formigueiro, vai ser instalada unha nova tubaxe soterrada que atravesará a estrada DP-2404 coa que será mellorada a eficiencia para eliminar riscos sanitarios e ambientais.

O outro proxecto afecta ao abastecemento da vila de Caión. Segundo os datos obtidos na auditoría técnica da rede municipal realizada recentemente, as canalizacións de fibrocemento son as que presentan un maior número de avarías e perdas de auga, así que vai ser renovada a existente na Avenida Méndez Núñez da localidade costeira. A intervención consistirá na instalación de 130 metros de nova canalización de polietileno de alta densidade. Ademais da renovación da tubaxe principal, realizaranse as conexións coas redes existentes e as acometidas das vivendas afectadas.

Con estes dous proxectos, o Concello reafirma o seu compromiso cunha xestión eficiente dos servizos públicos do ciclo da auga, levando a cabo solucións técnicas que garantan a sustentabilidade ambiental e o benestar da cidadanía.