• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CONCELLO DA LARACHA CELEBRA O MES DO LIBRO CON CONTACONTOS E OBRADOIROS INFANTÍS NAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS

30/03/2017

O día 23 de abril celébrase en todo o mundo Día Internacional do Libro, sendo unha data programada co obxectivo de fomentar a lectura, especialmente entre os nenos. É tamén por ese motivo que abril é considerado como o Mes do Libro.

O Concello da Laracha, tal e como está a ser habitual nos últimos anos, levará a cabo un amplo programa de propostas para conmemorar o Mes do Libro con varias iniciativas dirixidas ao público infantil. Realizarase en abril  nas bibliotecas municipal da Laracha, Paiosaco e Caión.

As sesións de contacontos infantís desenvolveranse sempre ás 18:00 horas nas bibliotecas municipais os venres día 7 (Bibliocanta en Caión), 21 (Flipa cos contos en Paiosaco) e 28 (A ciencia é divertida na Laracha). 

Tamén haberá un espectáculo dirixido a bebés titulado Bebecontos de choupiña e trasnón: contamos cos sentidos. Desenvolverase no baixo da biblioteca municipal da Laracha o domingo 23 a partir das 12:00 horas.

Por outra banda, realizaranse dous obradoiros infantís de diferentes temáticas. O primeiro, baixo a denominación Imos crear animais, consistirá na elaboración de títeres e na mellora da expresión oral. Terá lugar en Paiosaco (martes 18), A Laracha (xoves 20) e Caión (xoves 27). O segundo centrarase na creación de Marcapáxinas divertidos, tamén con tres sesións previstas en Caión (mércores 19), A Laracha (martes 25) e Paiosaco (mércores 26). En todos os casos a hora de inicio será as 18:00.

A participación en calquera destes eventos e actividades é gratuíta e non require inscrición previa.

Na organización e financiamento do programa do Mes do Libro o Concello da Laracha conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da iniciativa Ler conta moito.