• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Éxito participativo nas tres quendas do Campamento Dixital do programa de verán

19/07/2025

O programa municipal de actividades culturais e deportivas de verán continúa desenvolvéndose cunha excelente acollida pola veciñanza larachesa e un rotundo éxito participativo, especialmente nos diferentes campamentos infantís e xuvenís organizados polo Concello.

A gran novidade deste ano é o Campamento Dixital dirixido a rapaces de 9 a 17 anos, que ante o alto volume de inscricións finalmente se está realizando en tres quendas semanais por grupos de idade e en horario de mañá, todas elas no Edificio de Servizos Múltiples da Laracha. A semana pasada realizouse a primeira quenda, onte rematou a segunda e o día 28 deste mes comezará a terceira. En total realizarán o campamento 50 rapaces.

Os participantes aprenden neste campamento a buscar información valiosa en Internet, hábitos saudables, como reforzar o pensamento crítico para identificar noticias falsas, as profesións emerxentes e, os de maior idade, competencias dixitais para a busca de emprego, entre outros contidos. 

Durante os cinco días de duración do campamento van completando etapas e misións para conseguir logros. Deste xeito, en cada aventura adquiren novas competencias para utilizar Internet e as ferramentas dixitais de forma útil, creativa, segura e responsable. 

Ao finalizar, os participantes reciben o certificado DigComp que acredita os coñecementos adquiridos na utilización das tecnoloxías da información e as comunicacións dentro do marco europeo.

Esta actividade é unha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios dentro do programa de Competencias Digitales para la Infancia (CODI) posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia e o Alto Comisionado contra a Pobreza Infantil, financiado por Fondos Next Generation da Unión Europea.