• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

As obras de rehabilitación da Casa do Concello comezarán a próxima semana

28/06/2025

O proxecto de rehabilitación integral da Casa do Concello comezará a executarse a próxima semana coa finalidade de modernizar a sede administrativa municipal adaptándoa ás necesidades actuais en canto a espazos, accesibilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética. Será unha transformación completa do edificio, tanto interior como exterior, ademais de mellorar a súa integración con outros equipamentos da Praza do Concello como o xardín e o parque infantil.

Durante o tempo de execución dos traballos a Casa Consistorial non poderá acoller ningún tipo de actividade administrativa, polo que os diferentes departamentos están a ser trasladados temporalmente a outros edificios e instalacións municipais para continuar prestando atención presencial á cidadanía xa a partir deste luns.

Así, o viveiro de empresas do polígono industrial acollerá o Rexistro Xeral e os departamentos de Urbanismo, Secretaría, Servizos Económicos (Intervención e Tesourería) e Administrativos, a Oficina de Información ao Consumidor e o Gabinete de Comunicación.

Para unha máis próxima atención á cidadanía no núcleo urbano da Laracha, no Edificio Administrativo da capital municipal tamén será habilitado un punto de Rexistro (incluíndo o padrón). Nesa instalación continuarán estando operativos, sen variacións con respecto aos últimos anos, os departamentos de Servizos Sociais, Igualdade e Emprego.

O departamento de Cultura, Deportes, Xuventude, Ensino e Turismo quedará ubicado na Casa da Cultura, á que a cidadanía poderá acudir para anotarse presencialmente nas actividades municipais ou para os servizos que ofrece a Oficina de Información Xuvenil.

A Alcaldía terá dependencias tanto no Edificio Administrativo como no viveiro de empresas, e atenderase en ambos lugares segundo a natureza dos asuntos a abordar.

E o Xulgado de Paz será trasladado nos próximos días a un baixo que alugará temporalmente para tal fin o Concello na rúa Rosalía de Castro.

A execución das obras será a cargo de Proyecon Galicia S.A., empresa á que foi adxudicada a actuación por un importe de 1.559.550,85 euros. Para o seu cofinanciamento xa se conta cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública. O Concello tamén ten solicitada a colaboración doutras administracións que no momento actual están pendentes de resolución.

Aínda que a transformación da Casa do Concello será integral, a reforma conservará a estrutura e a envolvente do actual edificio co propósito de xerar o menor número de residuos posible para favorecer a sustentabilidade da intervención. Os ocos da fachada serán modificados e a cuberta será obxecto dun novo acabado para ampliar os espazos dando resposta ás novas necesidades. O interior reformarse na súa totalidade unificando acabados e instalacións. Tamén se reforzará o illamento térmico e será instalada unha barreira anti radón.

A nova edificación levará consigo unha reestruturación dos espazos para ofrecer unha mellor e máis eficiente atención á cidadanía. A planta baixa albergará o Rexistro Xeral e tamén as novas dependencias do Xulgado de Paz. O primeiro e o segundo andar acollerán os despachos e as zonas de traballo dos diferentes departamentos municipais. E, como unha das novidades principais, na nova planta ático será creado un Salón de Plenos que funcionará, á súa vez, como espazo para o desenvolvemento de actos oficiais municipais, tales como as recepcións no Concello ou celebración de enlaces matrimoniais.

Os materiais e sistemas seleccionados para a construción dos novos volumes a edificar e os acabados responden ás necesidades de xestión medioambiental sustentables e de aproveitamento de recursos de Galicia que permita relacións co tecido económico, social e empresarial da comunidade. Empregarase madeira de bosques con declaración ambiental de produto e xestionados de maneira sustentable.

A Casa do Concello da Laracha construíuse no ano 1974 e en 1989 foi obxecto da reforma coa que se aumentou o segundo andar e os espazos do baixo cuberta. Agora, máis de medio século despois da inauguración, o edificio será obxecto desta rehabilitación integral necesaria para adecuar as instalacións para modernizalas, amplialas, facelas máis eficientes e operativas e integralas mellor na Praza do Concello.