• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aínda quedan prazas dispoñibles no campo de voluntariado que se realizará no Castro de Montes Claros

24/06/2025

O Concello, coa colaboración da Xunta de Galicia, volverá organizar este verán unha nova edición do campo de voluntariado internacional que se vai realizar no Castro de Montes Claros entre o 3 e o 14 de agosto.

Aínda quedan prazas dispoñibles para formar parte deste programa dirixido a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos procedentes de calquera país do mundo, incluíndo tamén o territorio nacional e as persoas residentes na Laracha e na Costa da Morte.

Os campos de voluntariado dan a oportunidade aos mozos de vivir unha experiencia única baseada en dous aspectos fundamentais: prestar un servizo de interese xeral á comunidade e reforzar os valores sociais a través da participación grupal con persoas procedentes doutras comunidades e países. Ao mesmo tempo, os voluntarios tamén desfrutarán de actividades de lecer complementarias.

Continuando coas intervencións desenvolvidas no Castro de Montes Claros en anos precedentes noutros campos de voluntariado de similares características a este, o traballo específico consistirá, fundamentalmente, en tarefas auxiliares de colaboración na escavación do xacemento como a limpeza dos afloramentos rochosos nos que é precisa a intervención manual ante a posibilidade de atopar petroglifos. Previamente os participantes recibirán formación relativa á identificación das estruturas do poboado fortificado e das paisaxes históricas. Tamén se fará especial fincapé no mantemento da biodiversidade animal e vexetal, fomentando o respecto e interese por preservar as paraxes de interese arqueolóxico, pero tamén aquelas que presentan riqueza medioambiental, etnográfica e patrimonial.

Ese traballo específico no castro levarase a cabo polas mañás, sempre baixo o control da dirección do obradoiro e con supervisión arqueolóxica. Nas tardes e nas fins de semana os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradición. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior).

A cota de inscrición é de 110 euros, que inclúen os custes da estancia e manutención dos participantes, así como das actividades culturais que realicen.