O CONCELLO E AFABER POÑEN EN MARCHA UN CURSO PARA COIDADORES DE PERSOAS CON ALZHEIMER
11/04/2016
O Concello da Laracha acollerá na segunda quincena do presente mes de abril o curso dirixido a persoas coidadoras habituais de enfermos de alzheimer que organiza coa colaboración da Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e/ou outras demencias de Bergantiños (Afaber).
A iniciativa desenvolverase baixo o título Coidándose para coidar mellor e contempla a realización de diversas actividades coa finalidade de que os participantes melloren a súa propia saúde psico-emocional o seu benestar e, en definitiva, a súa calidade de vida, aspectos que posteriormente lles axudarán para afrontar o seu labor diario como coidadores.
O curso desenvolverase en catro sesións de dúas horas de duración cada unha, que se levarán a cabo os días 19, 21, 26 e 28 de abril de 10:30 a 12:30 horas nas instalacións do edificio de servizos múltiples da Laracha.
As persoas interesadas en participar poden ampliar información ou ben formalizar a súa inscrición, que é gratuíta, no Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha –situado no novo edificio administrativo- ou tamén directamente poñéndose en contacto con Afaber. É requisito imprescindible estar empadroado no municipio.