Concello
O Concello organiza un roteiro para coñecer a historia das antigas telleiras da Laracha
07/06/2025
O Concello organiza para o sábado 14 de xuño o roteiro As telleiras da Laracha, unha proposta cultural dirixida a todos os públicos e que ten por finalidade que os asistentes coñezan de preto a historia e o patrimonio local vinculado ás antigas telleiras que existiron no termo municipal.
A xornada comezará ás 9:30 horas, coa saída en autobús desde a Praza Les Sables d’Olonne da Laracha. O itinerario inclúe visitas aos principais puntos vencellados á fabricación artesanal de tellas e á obtención da materia prima. A primeira parada será no Cancelo, na parroquia de Cabovilaño. Seguidamente visitarase o entorno da factoría de Cerámica Campo no parque empresarial. A continuación pasarase por Estramil e A Barreira antes de facer unha parada no campo da feira de Paiosaco, un dos lugares que foron referentes na comercialización das tellas. Tras visitar a zona das Rañeiras, concluirase na Laracha, en dúas rúas ás que dan nome dous empresarios do sector como foron Epifanio Campo e José Manuel Ferreira Penedo.
O percorrido estará guiado polo escritor, documentalista e divulgador Xabier Maceiras, autor do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, que ofrecerá en cada punto explicacións sobre os espazos nos que existiron as telleiras, as persoas vinculadas a elas e o contexto histórico e social deste importante sector tradicional da Laracha.
A inscrición é gratuíta e teñen preferencia os empadroados no concello da Laracha ao ser as prazas limitadas. As persoas interesadas poden anotarse cubrindo este formulario en liña, de forma presencial no Concello ou chamando ao teléfono 981605001 a partir do luns ás 9:00 horas.
O Concello anima á veciñanza a participar nesta actividade que conxuga patrimonio, memoria histórica e identidade local, nun percorrido único pola pegada das antigas telleiras no territorio larachés.

