Concello
A CORPORACIÓN MUNICIPAL TRATOU CUESTIÓNS DE TRÁMITE ADMINISTRATIVO NO PLENO ORDINARIO
31/03/2017
O Concello da Laracha celebrou hoxe o Pleno ordinario correspondente ao mes de marzo. A sesión comezou cunha mensaxe de condolencia do alcalde, José Manuel López Varela, en nome da Corporación municipal, “á familia de Paco Souto e ao grupo comarcal e local do BNG polo falecemento do que era edil en Malpica de Bergantiños”, xesto que agradeceu o voceiro do grupo nacionalista, Xoán Manoel Sande.
A continuación gardouse un minuto de silencio en sinal de loito e respecto ás dezasete mulleres que no que vai de ano perderon a vida en España vítimas da violencia de xénero, o que para o alcalde é “unha auténtica lacra social que desde as administracións temos que seguir pelexando para contrarrestar”.
Xa no referido ao propio contido da sesión plenaria, houbo unanimidade na aplicación da bonificación do 50% na cota do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) solicitada por un particular para a reforma dun galpón e hórreo con protección ambiental recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal. Esta dedución está contemplada na ordenanza fiscal número 17 para obras declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais ou histórico-artísticas. López Varela quixo salientar que “a bonificación é merecida porque, polas súas características, a actuación require de maiores trámites que encarecen as obras” e finalizou agradecendo que os veciños, como o promotor deste proxecto, “valoren o patrimonio e a arquitectura popular galega que debemos conservar”.
A continuación deuse conta á Corporación dos máis de cen decretos de alcaldía emitidos no primeiro trimestre do ano.
Por último, José Manuel López Varela aproveitou a celebración do Pleno para explicar a situación do CEIP A Revoltiña de Soandres. O alcalde detallou todos os datos reais, expoñendo que para o próximo curso soamente hai catro prazas solicitadas (unha permanencia e tres de nova matrícula), cifra que non alcanza o mínimo de seis que establece a Xunta de Galicia para manter aberto o centro. López Varela lembrou que “o Concello sempre se mostrou disposto a colaborar para manter a escola unitaria, e cada ano fixemos as obras e melloras necesarias, pero os pais deben escoller libremente a escola na que cursen os estudos os seus fillos e decatáronse por outras opcións”. O rexedor municipal concluíu afirmando que “nos gustaría que se mantivese en funcionamento a escola, e máis tendo en conta a excelente profesora que ten, pero non depende de nós”.