Concello
O Concello acondiciona o entorno do río Anllóns para fomentar o sendeirismo e o contacto coa natureza
22/05/2025
O Concello está a realizar traballos de limpeza e acondicionamento do entorno do río Anllóns nun tramo de, aproximadamente, 7 quilómetros de distancia entre Gabenlle e Tuixe co obxectivo de poñer en valor este espazo natural de alto valor ambiental e favorecer o seu uso como zona de lecer e sendeirismo.
As actuacións están a ser executadas polo persoal municipal contratado a través do programa PEL Concellos coa colaboración da Deputación da Coruña, co que se reuniron hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez e Patricia Bello. Céntranse na zona de policía do río, que comprende unha franxa duns cinco metros na marxe do leito. Os traballos inclúen o desbroce da vexetación e a retirada de árbores e polas caídas que obstrúen os camiños, garantindo así un acceso seguro e cómodo para os usuarios.
Por razóns ambientais e de seguridade, non se está intervindo directamente no leito do río, xa que nesta época do ano circula moito caudal, o que dificulta e desaconsella a súa limpeza.
O tramo do río sobre o que se está a actuar forma parte da ruta de sendeirismo O vibrar o río Anllóns incluída no programa A Laracha Activa que promove a práctica da actividade física ao aire libre e descubrir espazos naturais do termo municipal. Precisamente este domingo, tamén por iniciativa do Concello, vaise realizar esa ruta dentro do programa Andainas na Primavera, para a que están anotadas medio centenar de persoas.
Con esta intervención, e as que se realizarán durante os próximos meses noutros espazos fluviais, o Concello continúa apostando pola posta en valor do patrimonio natural vinculado aos ríos e, ao mesmo tempo, pola promoción dos hábitos de vida saudables entre a veciñanza mediante a realización de actividades físicas e deportivas.

