• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A A.C. Santa María de Torás presenta no Concello o III Día da Muiñeira e a Foliada XLIV aniversario

21/05/2025

A Asociación Cultural Santa María de Torás volverá encher a capital municipal da Laracha coa música e baile folclóricos galegos no III Día da Muiñeira e tamén na Foliada con motivo do XLIV aniversario da entidade.

Membros da directiva da asociación, encabezados pola súa presidenta Almudena Martínez, acudiron hoxe ao Concello para presentar xunto ao alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, ambos eventos nos que contarán coa colaboración municipal.

A primeira das citas será este domingo, 25 de maio, coa terceira edición do Día da Muiñeira. Agárdase a participación de 23 grupos que representarán a 10 asociacións procedentes de municipios da Costa da Morte, A Coruña e a súa área de influencia, coas que acudirán máis de 200 persoas para tocar, cantar e bailar as muiñeiras. Ás 16:30 horas realizarase unha concentración na Praza da Concello e, a continuación, un pasarrúas ata a Praza Les Sables d´Olonne, punto central do desenvolvemento da xornada a partir das 17:30 h. O pregón será a cargo de Fransy González.

E o día 7 de xuño a Asociación Cultural Santa María de Torás celebrará o seu 44 aniversario cunha xornada festiva na Praza do Concello. A sesión vermú comezará ás 13:30 h. Desde unha hora máis tarde será o xantar a base de churrasco, para o que xa están á venda os tíckets. A foliada principiará ás 18:00 h. E pola noite, desde as 21:30 h, a actuación de Fransy González e Davide Salvado, tamén con petiscos a prezos populares. Ademais, serán sorteados os agasallos doados polos establecementos comerciais colaboradores.

O alcalde felicitou aos membros da asociación pola organización de ambos eventos, mostroulles o agradecemento por ofrecer propostas culturais de calidade á veciñanza larachesa e tamén aos visitantes e animou a toda a cidadanía a acudir a desfrutar das dúas xornadas festivas.