Concello
“Entre ángeles y aldeas”: a primeira exposición de Anomar, unha mirada íntima entre a fantasía e a tradición
06/05/2025
A arte do cotiá, a emoción do vivido e o murmurio do imaxinado fúndense en Entre ángeles y aldeas, a primeira exposición de Anomar, o nome artístico de Ramona Pérez, natural e residente na parroquia de Golmar e recoñecida profesional na organización e decoración de eventos. Autodidacta e profundamente arraigada á súa terra, presenta unha mostra única que percorre 24 anos de creación íntima e persoal.
A exposición, que se inaugurará este venres ás 19:00 horas no Centro Sociocomunitario de Caión, é o percorrido visual e emocional polas múltiples facetas do universo creativo de Anomar. Desde pinturas que mesturan o etéreo co rural ata figuras, ferramentas de campo intervidas e obxectos que evocan ao Nadal, a obra transcende técnicas artísticas para centrarse na alma que as impulsa.
Entre ángeles y aldeas é un reflexo honesto das raíces da autora vinculadas ao campo da parroquia de Golmar, pero tamén unha ventá aberta ás súas emocións máis profundas nas que o fantástico e o simbólico se entrelazan co tanxible. A mostra divídese en diferentes seccións temáticas, destacando as dedicadas ao mundo rural, á fantasía e ao Nadal, piares que marcan a vida e a arte de Anomar.
A pesar de tratarse do seu debut expositivo, a traxectoria creativa de Anomar, tanto a nivel persoal como profesional, abarca máis de dúas décadas de exploración silenciosa nas que foi dando forma a unha peculiar linguaxe visual propia e chea de matices.
Tralo acto de inauguración, a exposición permanecerá aberta ao público ata o final do mes de maio, de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas, nunha oportunidade única para descubrir a unha artista larachesa que desde o seu taller foi construíndo no último cuarto de século un mundo íntimo pero tamén universal.
Como en outras ocasións, o Concello pon o Centro Sociocomunitario de Caión a disposición de artistas locais para que poidan mostrar as súas obras, ofrecendo espazo, visibilidade e apoio ao talento emerxente, ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade e se achega a arte á cidadanía.