• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aberta a inscrición nos servizos de conciliación para o verán e tamén para o curso escolar 2025-2026

01/05/2025

O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha ten como obxectivo responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos escolares dos seus fillos, posibilitando a atención dos menores por persoal cualificado, realizando actividades lúdicas e educativas e tendo a opción de recibir un almorzo equilibrado.

O Concello anuncia a apertura do prazo de inscrición para os servizos de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través deste programa durante o verán e tamén no período lectivo do curso escolar 2025-2026.

Para o caso da época estival, o servizo Vacacións estará operativo desde o remate do actual curso escolar e ata o comezo do próximo no mes de setembro. O horario de funcionamento será de luns a venres de 7:00 a 14:15 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. Vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade que estean empadroados no termo municipal da Laracha. A preinscrición debe formalizarse ata o día 7 de xuño.

Pola súa parte, o servizo Madruga durante o curso escolar 2025-2026 será idéntico ao que se está a prestar no momento actual. Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios do termo municipal (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) para todos os días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino correspondente. A inscrición estará aberta ata o 31 de xullo.

Tanto en Vacacións como en Madruga as prazas son limitadas e terán prioridade de acceso as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares, de acordo ás que tamén poderán beneficiarse de bonificacións no prezo xeral do servizo.

A normativa e os modelos de inscrición en ambos servizos están dispoñibles nesta ligazón. As persoas interesadas poden ampliar información no CIM e tramitar a preinscrición en liña a través da Sede Electrónica do Concello ou presencialmente no rexistro situado no Edificio Administrativo.

Programa cofinanciado polo Plan Corresponsables. Ministerio de Igualdade, Goberno de España.

Harmoniza verán 2025

 

Harmoniza curso 2025-2026