Concello
En marcha as obras de mellora da estrada local que comunica A Laracha con Cerceda
19/04/2025
Xa están en execución as obras de mellora da estrada local que comunica A Laracha con Cerceda, vertebradora das comunicacións rodadas nesa parte do termo municipal.
O sector obxecto da intervención, que se localiza entre os núcleos de Requesende (parroquia de Golmar) e A Xesta (Soutullo), presenta unha lonxitude de 1.060 metros e unha anchura media da plataforma da calzada de sete metros sen incluír as beiravías. Os primeiros traballos consisten na limpeza das cunetas para protexer a estrutura do pavimento. A continuación renovarase o firme, contemplándose a regularización dos peraltes para unha maior seguridade na circulación e favorecer a evacuación das augas pluviais cara o exterior. A intervención concluirá coa reposición da sinalización horizontal e vertical.
O proxecto tamén inclúe a mellora do acceso ao núcleo de Vilanova, do mesmo xeito mediante a renovación da superficie de rodadura, o acondicionamento das marxes da calzada e a sinalización. Neste caso a lonxitude da estrada é de 150 metros cunha anchura media de 4,20 metros.
O proxecto está valorado en 143.000 euros e é financiado integramente con fondos propios municipais.