Concello
Izada a bandeira “Sendeiro Azul” deste ano 2025 no Sendeiro de Saldoiro de Caión
12/04/2025
No Sendeiro de Saldoiro de Caión volve locer a bandeira Sendeiro Azul 2025 tras ser izada polo alcalde, José Manuel López Varela, nun acto no que tamén participaron os concelleiros José Ramón Martínez Barbeiro, Patricia Bello e Cristina Vieites.
O distintivo é outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) para recoñecer o papel das sendas e camiños de acceso ás praias, neste caso o Sendeiro de Saldoiro, como valiosos recursos para a interpretación ambiental, o desfrute da natureza e a realización de actividades deportivas e de ocio ao aire libre.
Este é o duodécimo ano consecutivo que obtén o recoñecemento o tramo do paseo marítimo de Caión de 1,5 quilómetros de distancia que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido.
En toda España foron concedidos 154 Sendeiros Azuis, dos cales 54 son itinerarios galegos pertencentes a 28 concellos diferentes, 10 deles na provincia da Coruña.
Ademais do Sendeiro Azul, o Concello da Laracha tamén presentou candidaturas a ADEAC para repetir en 2025 os recoñecementos de Bandeira Azul da praia de Caión e de Centro Azul de Educación Ambiental para o Museo dos Muíños de Golmar.

