• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta de Goberno adxudica o proxecto de instalación do sistema de produción de enerxía fotovoltaica

09/04/2025

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foi adxudicada a Montaxes Eléctricas Noroeste S.L. a execución do proxecto de instalación do sistema de produción de enerxía fotovoltaica na cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha cunha potencia total de 99 Kw e que abastecerá a varios edificios municipais.

O Concello e o Inega cofinanciarán esta actuación, valorada en 120.000 euros, coa que se prevé alcanzar un autoconsumo eléctrico do 56,7 % na Casa do Concello, o Edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura.

Con este proxecto darase un paso importante na mellora da eficiencia enerxética e na minoración das emisións de CO2 para facer da Laracha un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou aprobar con carácter inicial o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola actuación promovida entre os Concellos da Laracha e de Arteixo dirixida a acometer melloras na rede viaria e crear a rede de saneamento no núcleo da Esquipa, que é limítrofe entre ambos municipios, pertencendo a parte larachesa á parroquia de Lendo. Son un total de 472 metros cadrados repartidos entre 11 parcelas os necesarios para executar as obras na Laracha. O Concello destinará á súa adquisición máis de 7.000 euros.

Na sesión acordouse que o Concello concorra a tres convocatorias de axudas públicas doutras administracións. Dúas delas terían por finalidade a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.

Así, preséntase á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia o proxecto de reforma da cuberta da piscina municipal da Laracha, que o Concello pretende cofinanciar a través do Fondo de Cooperación Local. A intervención é necesaria para mellorar a impermeabilización do complexo deportivo e, ademais, a cuberta quedaría preparada para a futura instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica.

Outra solicitude de subvención á Xunta de Galicia, neste caso á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao abeiro da convocatoria para a mellora de instalacións utilizadas para a realización de actividades culturais, ten por propósito renovar os equipos de son, iluminación e audiovisuais da Casa da Cultura da Laracha.

Da Deputación da Coruña solicítase o apoio económico para a organización de eventos de tipo cultural durante o próximo verán ao abeiro do programa de subvencións para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas.

E o Concello tamén concorre ao programa Aprol Rural da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa pretensión de formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes composta por catro persoas que se atopen en situación de desemprego e que serían contratadas por un período de nove meses a xornada completa.

Salientar, por último, a concesión da licencia para a construción dunha vivenda unifamiliar na parroquia de Lestón.