• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello pon en marcha un novo programa para iniciarse na marcha nórdica

05/04/2025

O Concello lanza unha nova iniciativa dirixida a todas as persoas maiores de idade e empadroadas no termo municipal da Laracha interesadas en iniciarse na marcha nórdica. Esta modalidade deportiva, saudable e apta para todos os públicos, consiste na realización de andainas incorporando bastóns similares aos de esquí, o que permite traballar tanto o tren inferior como o superior, mellorando así a postura, resistencia e coordinación.

O programa que promove o Concello consistirá na realización de rutas con periodicidade semanal e dirixidas por un monitor experto nesta disciplina que ensinará a técnica básica da marcha nórdica e guiará aos participantes por diferentes percorridos adaptados á condición física dos asistentes.

A inscrición debe formalizarse ben cubrindo o formulario en liña (final desta nova) ou ben acudindo ao departamento de Servizos Sociais do Edificio Administrativo da Laracha.

A primeira quenda realizarase os martes pola tarde a partir das 17:00 h (inicio o 22 de abril e remate o 17 de xuño) e a segunda, os xoves pola mañá desde as 10:00 h (inicio o 24 de abril e remate o 19 de xuño). Cada participante deberá escoller unha desas dúas quendas.

Con esta proposta o Concello procura o obxectivo de potenciar os estilos de vida saudables mediante a realización dunha actividade física que implica para os participantes beneficios neurolóxicos, fisiolóxicos, cardiorespiratorios, inmunitarios, musculoesquéticos e endrocrinometabólicos.

Este programa municipal é cofinancido pola Deputación da Coruña a través do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+ Adicional 1/2025 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios).

 

Inscrición cubrindo este FORMULARIO