• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde recibe no Concello a unha delegación de alumnos e mestres do Amiral Merveilleux du Vignaux

25/03/2025

Un grupo de quince alumnos e dous profesores do Amiral Merveilleux du Vignaux, centro de educación secundaria da localidades francesa de Les Sables d’Olonne, foron recibidos hoxe polo alcalde na Casa do Concello. Tamén participaron no encontro alumnos e profesores do IES Agra de Leborís.

Estes rapaces, que teñen 15 e 16 anos de idade, están a participar nun programa de intercambio organizado entre os dos centros de ensino -no caso do instituto da Laracha, polo departamento de francés-.

José Manuel López Varela deulles a benvida á Laracha, agradecendo tanto ao alumnado como ao persoal docente do Amiral Merveilleux du Vignaux e do IES Agra de Leborís o desenvolvemento deste tipo de iniciativas. “Cando iniciamos o irmandamento con Les Sables d’Olonne a nosa idea era que a cidadanía de ambas localidades establecese contactos para levar a cabo eventos destas características que favorecen o desenvolvemento persoal dos participantes”, afirmou o alcalde, para continuar expresando a súa satisfacción “polas moitas iniciativas que se levaron a cabo nos últimos anos” con esa localidade francesa e a repercusión que tiveron nos ámbitos “educativo, cultural e patrimonial”. Concluíu o rexedor agradecendo ao departamento de francés do IES Agra de Leborís a súa implicación, desexando unha feliz estancia na Laracha aos visitantes e agardando que “manteñades esta amizade no futuro”.

A comitiva gala chegou á Laracha na noite do domingo trala viaxe en avión desde Nantes ata Porto. No día de onte visitaron a cidade da Coruña, hoxe pola tarde coñecerán Caión e mañá estarán en Santiago de Compostela. O xoves realizarán actividades no centro de ensino e visitarán un rocódromo. O venres farán un percorrido pola Costa da Morte.

Durante a súa estancia no noso municipio están aloxados nas vivendas particulares das familias participantes no programa, o que permite a ambas partes estreitar as relacións persoais e avanzar no coñecemento do idioma e tamén da cultura. É por iso que o sábado pasarán unha xornada íntegra en familia antes de emprender a viaxe de regreso o domingo pola mañá.

Durante o mes de abril está previsto que quince alumnos do IES Agra de Leborís desfruten dunha viaxe de intercambio en Les Sables d’Olonne con este mesmo centro de ensino francés na que será a segunda parte do programa.