• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O ciclo “Teatro con Salitre” de Caión alcanza a cuarta edición neste mes de marzo

25/02/2025

O Concello, comprometido coa promoción da cultura e o achegamento das artes escénicas da cidadanía, anuncia o cartel da cuarta edición do ciclo Teatro con Salitre que se vai realizar ao longo do mes de marzo no Centro Sociocomunitario de Caión.

A programación consta de tres obras de diferentes xéneros e todas elas con entrada gratuíta ata completar o aforo da sala. Ofrécense temáticas diversas e sen custe para os asistentes co propósito de fomentar a participación cultural e facer do teatro unha actividade accesible para todos os públicos.

As obras que conforman a cuarta edición de Teatro con Salitre son as seguintes:

  • Venres 7: Rara Avis 3.0, de Lila Teatro. Comedia dirixida a maiores de 12 anos na que a protagonista pretende reconciliarse co seu pasado, desfrutar do presente e propoñerse un futuro esperanzador a través da empatía, a coraxe, a perseveranza e, sobre todo, o seu particular sentido do humor.
  • Venres 14: A limpadora, a psiquiatra e o marido asesor, de A&Z Producións. A compañía teatral, de recente fundación, estrea en Caión esta peza que conta a historia de como unha matachina e unha doutora contenderon sororidade. Trátase dunha comedia feminista que pretende homenaxear a todas as mulleres sinxelas que, con poucos estudos e recursos, levan as súas familias adiante.
  • Venres 21: Anfitrión, de Corzo Producciones. A compañía coruñesa trae a Caión unha adaptación da obra clásica de Plauto, o considerado primeiro gran comediógrafo da literatura universal, na que fai unha parodia dunha traxedia grega.

Do mesmo xeito que na Laracha cos Venres Teatrais do mes de novembro e en Paiosaco coa Primavera Teatral de abril, o ciclo Teatro con Salitre xa está consolidado en Caión na programación cultural anual que organiza o Concello.

 

Teatro con Salitre de Caión