Concello
Actividades para todos os públicos, en especial para o familiar, no programa municipal de Entroido
15/02/2025
O Concello celebrará o Entroido do 2 ao 5 de marzo cunha ampla programación municipal que inclúe propostas para todos os públicos, especialmente para o infantil e familiar.
Do mesmo xeito que en anteriores edición, o evento central será o tradicional Concurso de Disfraces do Martes de Entroido (4 de marzo, festivo local na Laracha). A inscrición estará aberta desde este martes (18 de febreiro) e ata a véspera do evento, é dicir, ata o luns 3 de marzo. Deberá formalizarse cubrindo os formularios que están dispoñible ao final desta publicación, ou ben acudindo á Casa do Concello. O concurso vai dirixido a todos os públicos e repartiranse máis de 3.000 euros en premios. Celebrarase na Praza do Concello (pavillón do IES en caso de condicións climatolóxicas adversas) a partir das 18:30 horas, no descanso da verbena que principiará ás 17:00 h e que estará amenizada pola Orquestra Capitol.
As categorías de premios establecidas son as seguintes:
- Individual infantil (ata 12 anos).
- Individual adulto (a partir de 13 anos).
- Parellas.
- Grupos (de 3 a 8 compoñentes).
- Comparsas (máis de oito compoñentes)
Nas categorías individuais as contías dos premios serán de 60, 50 e 40 euros para os tres primeiros clasificados. En parellas os premios ascenden a 70, 60 e 50 euros. Os grupos optarán a 250, 200 e 150 euros. Os premios para as comparsas ascenden a 600, 500 e 400 euros. Ademais, ata un máximo de dez comparsas non premiadas poderán obter a un accésit de 100 euros polo feito de participar.
Pero a programación municipal xa comezará o domingo 2 de marzo pola tarde (17:00 a 20:00 horas) coa Festa de Entroido no pavillón do IES Agra de Leborís. Durante a xornada os nenos poderán desfrutar xogando nos inchables e tamén coa presenza dun DJ infantil que proporá coreografías e bailes. Ademais, repartiranse larpeiradas entre todos os rapaces que acudan disfrazados.
Tamén haberá obradoiros de cociña infantil para que os nenos poidan aprender a elaborar filloas de Entroido. As dúas quendas do luns 3 de marzo (10:00 a 12:00 h e 12:00 a 14:00 h) van dirixidas ao alumnado de Educación Infantil e as do mércores 5 de marzo (no mesmo horario), ao de Educación Primaria. En todos os casos a inscrición ábrese este martes (18 de febreiro) ás 9:00 h e as prazas outorgaranse por orde de chegada.
Ademais, o público infantil e familiar poderá desfrutar de dous espectáculos en directo, ambos na Casa da Cultura da Laracha a partir das 17:30 h, con entrada libre e gratuíta e organizados en colaboración co programa Dinamiz-ARTj do Instituto Para la Transición Justa. O luns 3 de marzo Trécola Producións ofrecerá o seu show de teatro de monicreques titulado Tolitates. E o mércores 5, MeRe Clown chegará á Laracha con A verdadeira historia de Hamelín.
Formularios de inscrición:
Obradoiros de cociña: Filloas de Entroido
Descarga:

