Deportes
O Campo Municipal da Laracha será sede do Campionato de España de Seleccións Autonómicas de fútbol sub-14 e sub-16
04/02/2025
A Laracha será unha das sedes da fase intermedia do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub-14 e sub-16 que se vai celebrar entre o venres e o domingo baixo a organización da Federación Galega de Fútbol.
O evento foi presentado hoxe na Laracha polo alcalde, José Manuel López Varela, e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar. Tamén estiveron presentes a concelleira de Deportes, Patricia Bello; o delegado da Coruña da Federación, Manuel González Corredoira; e representantes dos clubs de fútbol federados do termo municipal: os presidentes da UD Paiosaco (Carlos García) e do Club do Mar de Caión (Manel Raposo) e un directivo do Xuventude Laracha (Antonio Franco).
O Campo Municipal da Laracha acollerá un total de sete partidos, cos seguintes emparellamentos e horarios:
Venres 7
- 9:30 h, categoría sub-14: Cantabria – Murcia
- 11:30 h, categoría sub-14: Estremadura – Aragón
- 13:30 h, categoría sub-16: Murcia – Estremadura
Sábado 8
- 9:30 h, categoría sub-14: Aragón – Comunidade Valenciana
- 11:30 h, categoría sub-16: Aragón – Asturias
Domingo 9
- 9:30 h, categoría sub-14: Castela e León – Madrid
- 13:30 h, categoría sub-16: Cantabria – Estremadura
O alcalde, José Manuel López Varela, mostrouse “orgulloso e satisfeito” polo feito de que A Laracha poida acoller este campionato ao que “van vir futuros xogadores de fútbol de primeiro nivel nacional”, e expresou a “máxima colaboración do Concello” para que o evento sexa un éxito organizativo.
O vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar, quixo agradecer ao Concello a colaboración dado que “desde o primeiro momento no que contactamos todo foron facilidades”. Tamén explicou que se trata da “fase intermedia do campionato, da que sairán os catro clasificados para as finais” e animou a cidadanía larachesa a acudir aos partidos nos que competirán “os mellores xogadores do panorama nacional” desas categorías.
En todos os encontros a entrada para o público será libre e gratuíta.