• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta alegacións ao proxecto da liña aérea de alta tensión SET Bustelo e Baralláns

31/01/2025

O Concello presentou ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia un expediente de alegacións ao proxecto da Liña Aérea de Alta Tensión 220 kV SET Bustelo e Baralláns, que afectaría a un sector da zona alta da parroquia de Montemaior situado a unha distancia superior aos 300 metros do núcleo de poboación máis próximo.

As alegacións están motivadas pola conservación e o aproveitamento agrícola e forestal da zona, así como o impacto sobre a paisaxe e posibles perdas de biodiversidade por afeccións á fauna e ás aves que podería implicar a liña aérea de alta tensión.

En todo caso, no documento remitido polo Concello da Laracha tamén se destaca que a distancia dos apoios ás vías públicas debe ser superior a catro metros desde o eixo da vía e que se debe prever a repavimentación das estradas afectadas pola presenza de maquinaria pesada no caso de, finalmente, levarse a cabo o proxecto.