• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Once empresas optan á adxudicación do proxecto de instalación do sistema de produción de enerxía fotovoltaica

18/01/2025

O Concello avanza no procedemento de contratación da execución do proxecto que ten por finalidade a instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica para abastecer varios edificios municipais na modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de ofertas nesta licitación aberta son once as empresas que optan a resultar adxudicatarias. Nos próximos días a Mesa de Contratación reunirase para proceder á apertura de plicas, avaliar e clasificar as propostas. A continuación será a Xunta de Goberno Local o órgano competente para adxudicar a execución do proxecto.

A actuación consiste na instalación de paneis solares cunha potencia total de 99 Kw na cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha, lugar escollido ao ser considerado o máis idóneo por permitir aproveitar a pendente existente, pola súa orientación sur e porque o impacto visual será mínimo.

Este sistema fotovoltaico é especialmente favorable para a configuración dos consumos dos edificios municipais, que están concentrados nas horas centrais do día coincidindo coa franxa de maior produción eléctrica. As instalacións que serán abastecidas son a Casa do Concello, o Edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura.

Segundo os estudos realizados polo Concello, o autoconsumo con respecto ás cifras actuais será do 56,7 %, o que implicaría tanto a redución de máis da metade das emisións de CO2 como da factura eléctrica nas citadas instalacións.

O orzamento do proxecto é de 119.490,26 euros e será cofinanciado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ao abeiro da convocatoria de subvencións para programas vinculados ao autoconsumo eléctrico e ao almacenamento no sector das administracións públicas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo. En concreto, a achega económica dese organismo autónomo da Xunta de Galicia é de 86.625 euros. A parte restante será financiada con fondos municipais.

O Concello mostra coa promoción deste proxecto a súa sensibilidade coa mellora da eficiencia enerxética e a minoración das emisións de CO2 para facer da Laracha un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente.