• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O PROGRAMA HARMONIZA DA LARACHA, EXPOSTO COMO EXEMPLO DE BOAS PRÁCTICAS MUNICIPAIS A NIVEL NACIONAL

24/03/2017

O Concello da Laracha foi hoxe protagonista nas I Jornadas de Formación e Intercambio de Buenas Prácticas Municipales celebradas en Madrid baixo a organización da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e o Instituto de la Mujer y para la igualdad de oportunidades. Foi grazas ao Programa Harmoniza, proxecto que recentemente obtivo a puntuación máxima na convocatoria de axudas impulsada pola propia FEMP para subvencionar actuacións desenvolvidas polos gobernos locais dirixidas a facilitar a posta en marcha de accións para fomentar a transversalidade de xénero e a conciliación e corresponsabilidade na vida persoal, familiar e profesional no ámbito local. 

Ana Aldao, a directora do Centro de Información as Mulleres (CIM) da Laracha, representou ao noso Concello na Mesa de experiencias municipais sobre conciliación e corresponsabilidade, que compartiu coas técnicas dos outros municipios galardoados: La Solana (Ciudad Real), Huetor de Vega (Granada) e Lorquí (Murcia). 

Na súa intervención –que tamén foi seguida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Muller, Rocío López- explicou que o Programa Harmoniza non so consiste na prestación do servizo de aula lúdica para facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, senón que tamén se desenvolven durante todo o ano cos seus usuarios (nenos de entre 3 e 12 anos de idade) diversas actividades (xogos, manualidades, contacontos, etc.) que centran a súa temática na educación en corresponsabilidade, a tolerancia, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a prevención de todo tipo de violencia, especialmente a de xénero.

Por tanto, a FEMP e o Instituto de la Mujer y para la igualdad de oportunidades veñen de situar ao Concello da Laracha como un referente nacional no desenvolvemento e implementación de plans destas características e achegarán 10.000 euros para cooperar no financiamento do Programa Harmoniza.

Este recoñecemento chega un ano despois de que a propia FEMP e o Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad galardoasen ao Concello da Laracha nos Premios a las Buenas Prácticas en las Entidades Locales, nese caso recoñecendo o labor realizado a través do CIM polo seu tratamento integral e de proximidade na atención e apoio ás mulleres vítimas da violencia de xénero.