• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello licita proxecto de instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica

21/12/2024

O Concello sacou a licitación o proxecto que ten por finalidade a instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica para abastecer varios edificios municipais na modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes.

O lugar escollido é a cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha, considerándoo o máis idóneo porque permite aproveitar a pendente existente, pola orientación sur e por minimizar o impacto visual dos paneis solares que van ser colocados e que alcanzarán unha potencia total de 99 Kw.

Este sistema fotovoltaico é especialmente favorable para a configuración dos consumos dos edificios municipais, que están concentrados nas horas centrais do día coincidindo coa franxa de maior produción eléctrica. En concreto, as instalacións que serán abastecidas son a Casa do Concello, o Edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura.

Segundo os estudos realizados polo Concello, o autoconsumo con respecto ás cifras actuais será do 56,7 %, o que implicaría tanto a redución de máis da metade das emisións de CO2 como da factura eléctrica nas citadas instalacións.

O orzamento do proxecto é de 119.490,26 euros, que serán cofinanciados polo Instituto Enerxético de Galicia ao abeiro da convocatoria de subvencións para programas vinculados ao autoconsumo eléctrico e ao almacenamento no sector das administracións públicas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo. En concreto, a achega económica dese organismo autónomo da Xunta de Galicia é de 86.625 euros. A parte restante será financiada con fondos municipais.

Na Plataforma de Contratación del Sector Público pode consultarse toda a documentación asociada a esta licitación aberta. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 8 de xaneiro.

O Concello mostra coa promoción deste proxecto a súa sensibilidade coa mellora da eficiencia enerxética e a minoración das emisións de CO2 para facer da Laracha un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente de acordo aos compromisos adquiridos ao confirmar a adhesión ao Pacto das Alcaldías e tamén ás directrices establecidas na Axenda 2030.