Concello
A Confraría de Pescadores de Caión celebrará o luns os actos do seu centenario
17/12/2024
A Confraría de Pescadores de Caión cumpriu neste ano o seu centenario, un século desde a súa creación o 5 de xuño de 1924 baixo a denominación Pósito de Pescadores de la Villa de Cayón. Naquela data gran parte dos mariñeiros da localidade formalizaran a súa agrupación sinalando como obxectivo principal o arranxo do porto para reforzar a seguridade das embarcacións. Durante estes cen anos a actividade da Confraría non se limitou a mirar polos intereses dos mariñeiros, tamén tratou de ofrecer solucións ás necesidades de todos os caioneses promovendo e mesmo financiando obras de mellora de infraestruturas e servizos públicos especialmente ata os anos 70.
Os actos de conmemoración do centenario vanse realizar o luns 23 de decembro cunha programación da Confraría de Pescadores organizada co pleno apoio do Concello da Laracha.
O acto central estará presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares. Comezará ás 18:30 horas no auditorio do Centro Sociocomunitario e estará aberto a todos os públicos. Consistirá nun coloquio no que tamén participarán o presidente da Confraría, Héctor Morgade, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, o historiador caionés Marcos Amado e persoas vinculadas ao sector pesqueiro local ao longo das últimas décadas.
Rematada a mesa redonda, procederase á inauguración da exposición 100 anos de historia da Confraría de Caión, formada por paneis informativos e fotografías que fan un percorrido pola historia vila, as súas xentes e a actividade pesqueira. A mostra poderase visitar ata o 31 de xaneiro de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas.
O Concello anima a toda a cidadanía a asistir a estes actos, considerando que a celebración do centenario da Confraría de Pescadores de Caión é unha oportunidade única para honrar e preservar a historia dunha institución chave para fortalecer a identidade e a cohesión social da vila, ademais de ser eixo organizativo das actividades pesqueiras e da preservación dos dereitos dos traballadores do mar.