• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

800 alumnos de infantil e primaria asistirán ao festival de teatro infantil que organiza o Concello dentro do programa municipal de Nadal

16/12/2024

Os preto de oitocentos alumnos de infantil e primaria dos tres colexios do municipio acudirán ata o mércores á Casa da Cultura da Laracha en horario lectivo para presenciar a obra de teatro Ándele, Bon appetit! da compañía Ghazafelhos. Este é o festival de teatro infantil que cada ano organiza o Concello no marco do programa municipal de Nadal nas datas previas ás vacacións nos centros de ensino.

Hoxe realizáronse as dúas primeiras funcións coa presenza de todo o alumnado do CEIP de Caión e de parte dos estudantes do CEIP Otero Pedrayo.

Mañá martes (10:00 e 12:00 h) serán os dous seguintes pases aos que acudirán os alumnos restantes do colexio da Laracha. O mércores ás 10:00 terá lugar a última función para todos os nenos que estudan no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco.

Ao remate de cada unha das cinco funcións Papá Noel, acompañado por un dos seus elfos, preséntase na Casa da Cultura para saudar aos nenos e mestres asistentes, agasallarlles con caramelos e desexarlles un feliz Nadal.