Concello
A execución do proxecto de ampliación das instalacións do punto limpo entra na súa última fase
13/12/2024
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros de Medio Ambiente, José Ramón Martínez, e de Obras Públicas, Pablo Cambón, visitaron o punto limpo para interesarse pola execución do proxecto de ampliación desa instalación municipal.
O director das obras e o responsable da empresa contratista informaron aos representantes municipais de que os traballos están na súa última fase. A obra civil darase por concluída antes de final de ano unha vez instalada a iluminación, colocadas as marquesiñas que cubrirán os novos colectores de residuos e creado o peche perimetral de malla do novo espazo que quedará integrado no ámbito do actual punto limpo.
Durante os últimos meses as actuacións realizadas centráranse na urbanización dun sector da parcela contigua ao punto limpo -dunha superficie total de 5.096 m2 e que fora adquirida previamente polo Concello- para a creación do novo espazo, incluíndo un novo acceso. Así, facilítase tanto a entrada dos cidadáns usuarios do servizo municipal como o desenvolvemento por parte do persoal das tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente.
Unha vez concluída a obra civil, os traballos finalizarán a principios de 2025 coa instalación dos equipamentos necesarios para habilitar as novas plataformas cos contedores para os diferentes tipos de residuos. Tamén se dotará aos espazos interiores da correspondente sinalización vertical e horizontal indicadora das zonas de manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc.
Neste proxecto o Concello e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia invisten 250.000 euros co obxectivo de mellorar as instalacións do punto limpo e complementar os servizos que ofrece á cidadanía.
O punto limpo da Laracha, situado xunto á ponte do Formigueiro e moi próximo á capital municipal, é un equipamento municipal chave para a conservación do entorno e o respecto do medio ambiente, xa que ofrece a posibilidade de desbotar aqueles residuos domésticos que polas súas características non poden depositarse nos colectores de lixo con garantía de que recibirán o tratamento axeitado, mesmo recuperando os máximos compoñentes posibles para a súa reciclaxe.
A ampliación do punto limpo enmárcase nas actuacións promovidas polo Concello para facer da Laracha un municipio máis sostible de acordo aos compromisos adquiridos polo Pacto das Alcaldías e tamén ás directrices establecidas na Axenda 2030.