• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Cinco empresas optan á adxudicación do proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte

11/12/2024

A Mesa de Contratación reuniuse hoxe para avanzar no procedemento para a adxudicación da execución do proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, situado na reitoral de Golmar. Na xuntanza procedeuse á apertura das plicas coas ofertas técnicas das cinco empresas que concorreron á licitación aberta. Nos próximos días o mesmo órgano municipal volverase reunir para valorar e clasificar as ofertas económicas e, a continuación, elevar a súa proposta á Xunta de Goberno Local para proceder á adxudicación do contrato.

O Museo dos Muíños de Golmar fora inaugurado no ano 2009 grazas a unha iniciativa que tamén permitira restaurar a emblemática casa reitoral desa parroquia. Agora váiselle dar un impulso a este lugar de referencia cultural larachesa e modernizalo cun proxecto que prevé renovar a mostra expositiva desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes. Potenciar o atractivo turístico dos contidos do museo tamén significará poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia do termo municipal da Laracha en particular e da Costa da Morte en xeral.

O proxecto, promovido e deseñado polo Concello, presenta un orzamento de 48.279 euros que serán cofinanciados co apoio económico da Deputación da Coruña.

Durante os últimos anos o museo de Golmar, ademais de recibir visitantes, tamén albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas tanto para o público infantil como para o xuvenil e adulto centradas no coidado do medio ambiente e na recuperación da memoria rural do municipio, tan relacionada co campo, a agricultura e, por tanto, cos muíños de auga. Esta actividade levou ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar a obter o recoñecemento como Centro Azul de Educación Ambiental que outorga a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC).