• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

35 locais repartirán a partir do luns os rasca e gaña de “Agasalla comercio local, ten premio II”

29/11/2024

A partir do luns os 35 comercios e empresas de servizos larachesas adheridas á segunda edición do programa Agasalla comercio local, ten premio comezarán a repartir os rasca e gaña entre os seus clientes por cada 10 euros de compra. Co propósito de facilitar aos consumidores a localización de todos os locais participantes, cada un deles terá como distintivo identificativo do programa unha árbore de Nadal nun lugar visible xunto ao acceso principal.

O Concello porá á súa disposición un total de 10.000 tarxetas, das cales 1.000 teñen un premio directo de 10 euros para empregar en calquera dos establecementos e servizos adheridos a modo de desconto en compras mínimas de 20 euros a realizar como data límite o 22 de decembro. Tamén haberá outros 21 premios directos con agasallos cedidos polas empresas participantes no programa, consistentes en produtos que se comercializan nos propios establecementos, tarxetas regalo e vales desconto.

As outras preto de 9.000 tarxetas non premiadas teñen unha segunda oportunidade. Depositándoas cos datos persoais nas urnas que estarán habilitadas nas tres bibliotecas municipais (A Laracha. Paiosaco e Caión) ata o 27 de decembro entrarán no sorteo de tres agasallos, consistentes en experiencias cultural (estancia dunha noite en Madrid e dúas entradas para asistir ao espectáculo El Rey León), turística (estancia de dúas noites para dúas persoas con acceso a spa no Augusta Eco Wellness Resort de Sanxenxo) e gastronómica (comida ou cea para dúas persoas).

Na web www.nadal.alaracha.gal pode consultarse a listaxe completa dos 35 locais e negocios participantes e ampliar información sobre esta iniciativa. O Concello impulsa o programa Agasalla comercio local, ten premio II máis co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade como principal motor do desenvolvemento local e de creación de emprego no termo municipal, atraer e fidelizar á clientela por medio dos vales que revertan no consumo dos propios establecementos adheridos e subvencionar as compras dos cidadáns nas datas previas ás festas do Nadal.