• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

UNICEF outorga á Laracha a condición de candidata ao recoñecemento Cidade Amiga da Infancia

23/11/2024

UNICEF España vén de facer publica a resolución da convocatoria do recoñecemento de Cidades Amigas da Infancia 2024. Trala análise dos informes emitidos pola comisión técnica de valoración, a Secretaría Permanente acordou outorgar á Laracha a condición de candidata ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, que é transitoria e encamiñada a que o Concello avance na implementación do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA). Este é o primeiro paso para acadar a distinción por primeira como máximo no ano 2027.

Este distintivo ao que aspira A Laracha é outorgada por UNICEF para impulsar os dereitos da infancia e da adolescencia no ámbito local. Concédese aos concellos que mostran o seu compromiso nesa materia mediante a aplicación de modelos de xestión e de sistemas de gobernanza que xeren mecanismos reais de participación dos nenos e mozos cunha estratexia a longo prazo que sitúe a eses colectivos no centro das políticas municipais.

Neste sentido, o Concello ten en vigor desde hai máis dun ano o PLIA, a folla de ruta que articula o compromiso cos dereitos e o benestar dos nenos e adolescentes e orienta as políticas municipais nesa materia, expoñendo os retos e metas que se deben acadar para os vindeiros anos. No marco do PLIA foi creado o Espazo de Participación de Nenos, Nenas e Adolescentes, que leva a cabo iniciativas nese eido.

A obtención da distinción como “Cidade Amiga da Infancia” suporía o recoñecemento de UNICEF ás boas prácticas municipais e un aliciente para o desenvolvemento, a mellora continua e a innovación das políticas locais dirixidas á infancia e á adolescencia.