• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello e a Confraría de Caión renovan o convenio de colaboración para o mantemento do Arquivo da Pesca

21/11/2024

O Concello volve cooperar coa Confraría de Pescadores de Caión no financiamento dos gastos derivados da apertura ao público e o mantemento das instalacións do museo do Arquivo da Pesca.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o patrón maior de Caión, Héctor Morgade, rubricaron o convenio en virtude do cal o Concello achegará a cantidade de 5.000 euros mediante unha subvención nominativa.

O Arquivo da Pesca foi creado para poñer en valor o rexistro histórico da Confraría, dignificar o oficio dos pescadores e divulgar a cultura mariñeira. Atópase no baixo do edificio do pósito, en pleno paseo marítimo de Caión, e alberga os fondos do arquivo e unha exposición permanente que percorre a historia e a cultura mariñeira da vila a través da actividade pesqueira. Por medio de documentos, obxectos e paneis explicativos pódese coñecer o pasado de Caión, desde os antigos baleeiros ata a época dourada da pesca no século XX.

No acto celebrado hoxe no Concello, no que participaron a edila delegada das áreas de Cultura e Turismo, Patricia Bello, e o secretario da Confraría, Camilo García-Puertas, tamén se abordou a organización conxunta e os contidos dos actos conmemorativos do cen aniversario da fundación do pósito de pescadores que se celebrarán no mes de decembro.