Concello
Adxudicado o novo contrato do servizo municipal de atención temperá
20/11/2024
A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou adxudicar o novo contrato do servizo municipal de atención temperá a Sonaga Gestión S.L., a empresa que xa fora concesionaria do contrato anterior e que seguirá prestando o servizo por un período de un ano prorrogable por outro ano máis. O persoal continuará estando composto por catro profesionais: fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, psicóloga e logopeda. O valor do contrato polas dúas anualidades ascende a 269.000 euros, contándose para o seu cofinaciamento coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia ao estar integrado o Concello na Rede Galega de Atención Temperá.
Tamén foi adxudicada a Excavaciones y Obras Candal, S.L. a execución dun proxecto de mellora das infraestruturas viarias que afecta a dúas parroquias. A intervención máis ampla localízase en Montemaior, estando previstas intervencións de renovación da capa de rodadura no núcleo de San Fins -incluíndo o acondicionamento dos sobreanchos e a mellora de rede de pluviais- e en Sabaceda. En Golmar mellorarase o pavimento no núcleo de A Pedra. O orzamento ascende a 136.000 euros.
Ademais, a Xunta de Goberno Local autorizou a concorrencia do Concello da Laracha a tres programas de subvencións da Deputación da Coruña. Dous deles están relacionados coa promoción do emprego mediante a contratación de persoal para servizos de competencia municipal. A través do programa PEL Concellos preténdese crear unha cuadrilla de obras e servizos por un período de cinco meses formada por sete efectivos: catro peóns, un capataz e dúas persoas para servizos xerais. E ao abeiro da convocatoria dirixida á contratación de persoal para a limpeza de praias marítimas, o Concello presenta unha proposta para a incorporación de seis traballadores que prestarían servizo durante tres meses no areal de Caión.
O outro programa de axudas provinciais ao que concorre o Concello é o destinado ao cofinanciamento de actividades de promoción económica como os programas municipais dirixidos á reactivación do comercio local e o apoio aos sectores produtivos.
Salientar, por último, a concesión de dúas licencias urbanísticas para a edificación de dúas vivendas unifamiliares na urbanización Monteclaro do lugar do Cancelo, na parroquia de Cabovilaño.