Concello
O Concello conmemora o Día Mundial da Infancia cunha declaración institucional e unha mobilización
20/11/2024
Na data no que se celebra o Día Mundial da Infancia, a Corporación municipal da Laracha uniuse hoxe a UNICEF Comité Galicia mediante unha Declaración Institucional que, baixo o lema “Somos infancia”, defende que a consecución dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes é unha cuestión colectiva e de obrigado cumprimento, con desafíos que requiren respostas coordinadas e escaladas a nivel global, nacional, autonómico e local.
Nese texto o Concello comprométese coa promoción dun maior e máis eficiente investimento na infancia e a ter en conta as propias voces dos nenos, nenas e adolescentes para a toma de decisións no ámbito local das cuestións que lles afectan directamente.
Nese sentido, no día de hoxe varios dos conselleiros do Espazo de Participación de Nenos, Nenas e Adolescentes da Laracha formaron parte dunha actividade de mobilización. Consistiu nunha reunión celebrada no baixo da biblioteca municipal da Laracha na que se expuxeron os logros do espazo de participación, os retos que quedan pendentes co obxectivo de poder reivindicalos e os compromisos que consideran deben asumir os responsables políticos para garantir o dereito á participación. Esta última cuestión foi expresada mediante os hashtags que protagonizan a cartelería elaborada para darlle unha maior visibilidade a esta actividade.
O Concello impulsou a iniciativa en colaboración cos centros de ensino para animar a reflexionar sobre a participación infantil e adolescente en cuestións que lles afectan no seu día a día e mobilizar a ese colectivo para reivindicar o cumprimento dos dereitos da infancia.