Concello
O Concello volverá organizar un novo programa integrado de emprego co financiamento da Xunta de Galicia
19/11/2024
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de trasladar ao Concello a resolución pola que se concede a subvención de 220.000 euros para a organización e desenvolvemento dun novo programa integrado de emprego. Tralas excelentes experiencias anteriores, a última concluída recentemente, A Laracha acollerá por quinta vez unha iniciativa destas características, reforzando así a decidida aposta do Concello e da Xunta de Galicia por ofrecer propostas dirixidas a mellorar a formación da poboación coa finalidade de aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral.
Do mesmo xeito que en programas integrados de emprego realizados con anterioridade, a duración será de doce meses e irá dirixido a persoas residentes no termo municipal da Laracha que se atopen en situación de desemprego.
En próximas datas o Concello emitirá a oferta de emprego público ao Servizo Público de Emprego de Galicia que, unha vez realizadas as pertinentes sondaxes, procederá a citar aos posibles aspirantes. En total serán cen os participantes, dando preferencia a determinados colectivos (persoas con discapacidade, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, mulleres, desempregados de longa duración e perceptores de subsidios por desemprego ou renda activa de inserción social) e sendo o obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 40 %. Cabe lembrar que no programa integrado de emprego recentemente clausurado foran 54 os participantes que accederan a un posto de traballo.
Aquelas persoas interesadas en formar parte desta iniciativa poden ampliar información na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local situada no Edificio Administrativo da Laracha (Avenida Fisterra, 60). Durante o programa os participantes poderán gozar de medidas de axuda á conciliación que porá a súa disposición o Concello. Ademais, pola asistencia a cada acción formativa percibirán unha bolsa diaria de dez euros.
O programa integrado de emprego susténtase sobre as bases da información, a orientación, o asesoramento, a formación (específica e transversal), a práctica laboral, a percepción empresarial, as habilidades sociolaborais, o fomento da capacidade de emprendemento e a intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e a experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, tamén promove o autoemprego.
A formación transversal, idéntica para todos os participantes, centrarase no desenvolvemento de accións dirixidas a reforzar as habilidades e técnicas de busca de emprego, asesoramento sobre autoemprego, cursos de aprendizaxe de novas tecnoloxías e idiomas, obradoiros sobre mobilidade laboral e coaching para o emprego.
Para o desenvolvemento da formación específica realizarase un estudo personalizado de cada usuario analizando as súas características persoais e competencias profesionais para crear un itinerario axustado a elas.
En definitiva, o programa integrado de emprego pretende axudar aos participantes a aproveitar as oportunidades laborais existentes no concello da Laracha e na súa área de influencia en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas e acompañarase neses itinerarios individualizados ás persoas que se atopan actualmente en situación de busca activa de emprego para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.