• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Rematan as obras de mellora do pavimento do Sendeiro de Saldoiro

27/10/2024

Concluíron as obras de mellora do pavimento do Sendeiro de Saldoiro de Caión. O proxecto afectou ao último tramo construído do paseo marítimo e consistiu na restauración do firme nas zonas que presentaban un maior deterioro debido ao paso do tempo.

A actuación foi respectuosa e conservou as características construtivas e formais do sendeiro. Os materiais antigos foron reutilizados mediante un proceso mecánico consistente no fresado e o triturado para, a continuación, volver estendelo sobre o pavimento, compactándoo e engadindo unha pequena porcentaxe de cal para estabilizar a superficie.

Tamén se levou a cabo a completa limpeza e eliminación da vexetación no entorno da infraestrutura peonil, e foron renovados os seus bordos de madeira precisamente cos obxectivos de conter o crecemento da herba cara o espazo de tránsito e de embelecer a infraestrutura. Estes traballos complementaranse cunha intervención de reforzo na balaustrada de madeira existente nun tramo que protexe aos sendeiristas ante o desnivel existente nese punto do percorrido.

O orzamento superou os 28.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000.