Concello
O Concello programa tres "Andainas de Outono" para todos os públicos
19/10/2024
O Concello abrirá o luns a inscrición para participar no programa Andainas de Outono que inclúe tres rutas a realizar por espazos naturais da Laracha e municipios próximos. O propósito é ofrecer á cidadanía unha alternativa de aproveitamento do tempo libre e, ao mesmo tempo, potenciar os estilos de vida saudables coa promoción da actividade física.
A primeira ruta será Fiestra do Atlántico cun percorrido de 12 km e dificultade baixa polo paseo marítimo da cidade da Coruña a realizar o domingo da semana que vén, día 27 de outubro.
O 10 de novembro será a quenda para a única das andainas que se vai desenvolver polo termo municipal da Laracha. As pegadas de Soandres presenta unha dificultade moderada e ao longo do percorrido de 10 km os participantes poderán descubrir os elementos patrimoniais máis destacados desa parroquia, así como o menhir de Erboedo.
A terceira e última andaina será polo entorno do encoro de Cecebre, no municipio de Cambre. Neste caso a distancia a cubrir a pé será de 12 km nun percorrido de dificultade moderada.
En todos os casos o autobús partirá desde a praza Les Sables d´Olonne da Laracha ás 9:30 horas, mesmo lugar ao que regresará ao remate da actividade.
As prazas son limitidas e terán prioridade na inscricións as persoas -de calquera idade- empadroadas no termo municipal da Laracha. Anotarse é de balde e pode facerse chamando ao 981604324 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais dos participantes a turismo@alaracha.gal.