• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O luns comezará a executarse o proxecto de mellora da estrada entre Vilarmaior e Condesuso

12/10/2024

As obras de mellora integral da estrada que comunica os núcleos de Vilarmaior, na parroquia de Erboedo, e de Condesuso, en Soandres, comezarán a executarse o luns.

Con motivo do desenvolvemento dos traballos, a estrada permanecerá cortada á circulación entre o luns e o mércores desde as 8:00 e ata as 17:00 horas. Quedarán debidamente sinalizados os desvíos alternativos, que serán á altura da Fontenla en dirección ao Igrexario de Erboedo e no Vilar da Fraga en dirección á canteira de Soandres.

Este proxecto está incluído no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O investimento alcanzará os 127.000 euros, dos cales Agader asumirá 96.000 euros, correspondendo ao Concello achegar 31.000 euros procedentes de fondos municipais.

A zona de intervención presenta unha lonxitude aproximada de 1.900 metros, nos que se vai ampliar a plataforma da calzada ata preto dos 6 metros, renovar a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente e mellorar a sinalización para aumentar a seguridade viaria.

Ademais de favorecer o tránsito rodado nesa zona rural, a actuación é estratéxica xa que mellora ese amplo tramo da estrada que comunica Paiosaco con Vista Alegre é dá acceso pola AC-523 á A-6, ao aeroporto de Alvedro e á cidade da Coruña a través da Terceira Rolda.