• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello impulsa “O faiado da memoria” para recuperar historias, recordos e lendas do colectivo das persoas maiores

02/10/2024

Baixo o título O faiado da memoria o Concello impulsa unha iniciativa que ten por dobre obxectivo a prevención da soidade non desexada, especialmente entre o colectivo das persoas maiores, e recuperar para a súa posta en valor os recordos, historias e tamén material gráfico e documentos de interese.

Ao longo dos meses de outubro e novembro vanse realizar unha serie de encontros nas parroquias da man do escritor, divulgador e documentalista Xabier Maceiras e do creador de contidos Raúl Lorenzo, nos que se anima a participar a todas as persoas que poidan achegar calquera tipo de aportación relacionada cos oficios tradicionais, medicina popular, lendas do termo municipal da Laracha ou información sobre fotografías antigas. Trátase de que os asistentes conten aquelas cousas que conservan no seu faiado da memoria.

Para poder participar débese contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello chamando ao 981612811 ou enviando un correo electrónico a servizos.sociais@alaracha.es.

O faiado da memoria é organizado polo Concello da Laracha co apoio económico da Deputación Provincial da Coruña.