• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O ALCALDE RECIBE NO CONCELLO AO CLUB DE SALVAMENTO ACUÁTICO DA LARACHA

08/03/2017

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, encabezou a representación do goberno local que recibiu no Concello ao equipo directivo, adestradores e os preto de medio centenar de deportistas do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL). O rexedor municipal quixo recoñecer deste xeito os excelentes resultados obtidos nos diferentes campionatos de inverno nos que participou o club nas últimas semanas, sempre representando ao Concello da Laracha.

O campionato de España en categorías júnior, xuvenil e absoluta celebrouse a finais de febreiro en Castellón. O SAL contou con dous representantes masculinos (Borja Diez e David Fraga) e con Noelia Loureiro en categoría feminina. A larachesa obtivo a prata en 100 metros socorrista e o bronce nos 100 metros maniquí aletas, ademais de bater catro récords galegos.

Anteriormente, a principios de febreiro, celebráranse en Ourense os campionatos galegos tamén das categorías júnior, xuvenil e absoluta, cos seguintes resultados destacados:

  • Iván Lobelle: campión galego absoluto masculino.
  • Enrique Ramilo: subcampión galego absoluto masculino.
  • Noelia Loureiro: campioa galega xuvenil.
  • Equipo Xuvenil Feminino (Patricia de la Iglesia e Noelia Loureiro): ouro en lanzamento de coda.
  • Equipo Júnior Feminino (Ines Lema, Dolores Ramos, Iria Garcia e Melina Velo): prata en lanzamento de corda e bronce en 4x50 obstáculos e 4x50 tobo de rescate.
  • Equipo Júnior Masculino (David Fraga, Damián Cotelo, Álvaro Rodrigez e Cristóbal Penado): terceiro posto na clasificación xeral.
  • Equipo Absoluto Masculino (Enrique Ramilo, Ivan Lobelle, Borja Diez e Diego Cascallar): terceiro posto na clasificación xeral e récords galegos en 4x50 obstáculos e 4x50 tobo de rescate.

Por outra banda, nos campionatos galegos alevín, infantil e cadete celebrados en xaneiro en Carballo o equipo Alevín Feminino rematou terceiro na clasificación xeral, o Alevín Masculino logrou tres bronces (4x25 obstáculos, 4x12,5 arrastre maniquí e 4x50 nado aletas) e, a nivel individual, Nicolás Mosquera foi prata nos 50 metros maniquí aletas. 

O alcalde aproveitou a ocasión para felicitar ao SAL “polo labor que realiza durante todo o ano na promoción do deporte e, por tanto, dos estilos de vida saudables”. Fixo tamén referencia á cifra de medio centenar de deportistas adestrando e competindo coa entidade, o que reflicte “o bo traballo que hai por parte do club”. Por último, desexoulles os mellores éxitos de cara á temporada de verán, que o club xa comezou a preparar.