• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello adianta o horario das proxeccións dos filmes do Ciclo Mestre Mateo

02/10/2024

Co propósito de facilitar a asistencia do público, o Concello acordou adiantar o horario das proxeccións dos filmes do Ciclo Mestre Mateo. Aquelas que estaban programadas inicialmente para as 22:00 horas pasaranse finalmente ás 21:00 horas.

A relación definitiva de datas, horarios, lugares e proxeccións e a seguinte:

  • 5 de outubro. Fatum. Casa da Cultura da Laracha. 21:00 h.
  • 11 de outubro. O corno. Centro Sociocomunitario de Caión. 21:00 h.
  • 19 de outubro. Os espazos en branco (documental). Casa da Cultura da Laracha. 21:00 h.
  • 2 de novembro. A viaxe de Lucy (documental). Centro Sociocultural de Paiosaco. 21:00 h.
  • 9 de novembro. Curtametraxes de imaxe real. Casa da Cultura da Laracha. 21:00 h.
  • 16 de novembro. Matria. Centro Sociocultural de Paiosaco. 21:00 h.
  • 23 de novembro. Chichi e mais eu (documental). Centro Sociocomunitario de Caión. 21:00 h.
  • 24 de novembro. Salta. Casa da Cultura da Laracha. 17:00 h.
  • 30 de novembro. Emoción vida e teatro (documental). Casa da Cultura da Laracha. 21:00 h.

Grazas ao Ciclo Mestre Mateo a cidadanía poderá desfrutar dunha programación de calidade e de produción galega composta polas longametraxes, documentais e curtametraxes finalistas dos premios de referencia do audiovisual galego, os Mestre Mateo, do ano 2024.

O proxecto é impulsado pola Academia Galega do Audiovisual e cofinanciarase polo Concello, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través de Agadic. O obxectivo principal é achegar as producións galegas aos municipios nos que non existe unha oferta de cinema comercial, polo que habitualmente non chegan os filmes que participan nos Premios Mestre Mateo.

Na programación teñen cabida películas, documentais e curtametraxes cunha oferta variada e dirixida tanto ao público infantil como, nalgúns casos, a maiores de 12 anos de idade.

A asistencia para o público será libre e gratuíta ata completar aforo, sen necesidade de reserva previa de entradas.

Tamén se inclúe na programación a proxección de curtametraxes de animación dirixida exclusivamente ao alumnado do IES Agra de Leborís que se realizará nunha data aínda por determinar.