Concello
O Ciclo Mestre Mateo traerá á Laracha as producións galegas de referencia nos premios do 2024
28/09/2024
O Ciclo Mestre Mateo chega ao Concello da Laracha convertendo as instalacións culturais de referencia do municipio en salas de cine nas que a cidadanía poderá desfrutar dunha programación de calidade e de produción galega composta polas longametraxes, documentais e curtametraxes finalistas dos premios de referencia do audiovisual galego, os Mestre Mateo, do ano 2024.
O proxecto é impulsado pola Academia Galega do Audiovisual e cofinanciarase polo Concello, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través de Agadic. O obxectivo principal é achegar as producións galegas aos municipios nos que non existe unha oferta de cinema comercial, polo que habitualmente non chegan os filmes que participan nos Premios Mestre Mateo.
A programación presenta unha oferta ampla, variada e dirixida tanto ao público infantil como, nalgúns casos, a maiores de 12 anos de idade. A relación de datas, horarios, lugares e proxeccións é a seguinte:
- 5 de outubro. Fatum. Casa da Cultura da Laracha. 22:00 h.
- 11 de outubro. O corno. Centro Sociocomunitario de Caión. 22:00 h.
- 19 de outubro. Os espazos en branco (documental). Casa da Cultura da Laracha. 22:00 h.
- 2 de novembro. A viaxe de Lucy (documental). Centro Sociocultural de Paiosaco. 22:00 h.
- 9 de novembro. Curtametraxes de imaxe real. Casa da Cultura da Laracha. 22:00 h.
- 16 de novembro. Matria. Centro Sociocultural de Paiosaco. 22:00 h.
- 23 de novembro. Chichi e mais eu (documental). Centro Sociocomunitario de Caión. 22:00 h.
- 24 de novembro. Salta. Casa da Cultura da Laracha. 17:00 h.
- 30 de novembro. Emoción vida e teatro (documental). Casa da Cultura da Laracha. 22:00 h.
A asistencia para o público será libre e gratuíta ata completar aforo, sen necesidade de reserva previa de entradas.
Tamén se inclúe na programación a proxección de curtametraxes de animación dirixida exclusivamente ao alumnado do IES Agra de Leborís que se realizará nunha data aínda por determinar.